Xornalistas escolares
Cartel distribuido por todo o centro

O proxecto de Xornalistas Escolares nace da aula de Audición e Linguaxe ante a imposibilidade de dar resposta á diversidade do centro, debido ao escaso horario que existe para esta especialidade nun CPI, que abrangue Educación Primaria e Secundaria.

Co obxectivo principal de mellorar a comunicación e expresión oral e tamén escrita do alumnado dos nosos últimos ciclos de Educación Primaria o mestre Javier leva a cabo este proxecto no que nunha primeira edición poderá apuntarse, de xeito voluntario, alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria. Ademáis trátase de potenciar e primar a autonomía e a iniciativa do alumnado.

A mellora da comunicación oral concrétase na elaboración de novas relacionadas co eido do centro escolar que cristalizarán en podcast de radio e en novas escritas neste diario dixital.

2017-11-06 21.14.34
Carnés dos xornalistas

Os protagonistas son todos os alumnos e alumnas que de xeito voluntario e por parellas, participan neste proxecto piloto e que durante dúas semanas exercerán de xornalistas por todo o centro.

Co seu carné de prensa terán certos privilexios á hora de estar na primeira liña dos eventos máis destacados do centro, saídas ou experiencias novidosas, así como o “dereito á impertinencia”, que lles permitirá preguntar e resolver dúbidas durante todos estos eventos. Aparte poderán solicitar se así o necesitran o emprego temporal dunha cámara de fotos dixital. Tamén serán usuarios directos dunha tablet e un ordenador portátil para a subida dos contidos a este diario. Por último, aprenderán o manexo principal da mesa de mezclas e editor de audio da Radio Escolar Mosteiro Meis.

Ao longo do curso o alumnado que demostre ter mellorado na elaboración de novas e transmisión das mesmas irá adquirindo novos niveis e responsabilidades, categorizadas do seguinte xeito por orde de importancia:

  • Becari@
  • Plumilla
  • Locutor/a
  • Director/a

Adiante xornalistas!

Advertisements